Sunday 05 de May de 2024

O espectáculo “A voar” de Cé Orquestra Pantasma chegará esta semana ás tres Escolas Infantís Municipais


O Concello impulsa esta semana unha nova actividade nas Escolas Infantís Municipais enmarcada no proxecto Apego, de socialización de nenas e nenos en galego. A edil de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha visita de Cé Orquestra Pantasma aos citados centros, aos que levan o espectáculo musical “A voar”, baseado no disco-libro do mesmo nome.

As nenas e nenos coñecerán a viaxe da pequena Xoana ao enérxico ritmo de Cé Orquestra Pantasma. A xoaniña, movida pola curiosidade e o desexo de voar emprenderá unha longa viaxe que a súa vida mudará. “Con este espectáculo preténdese axudar aos menores a reivindicar a confianza precisa para satisfacer as súas necesidades de liberdade, movemento e xogo libre”, tal e como indicou Taibo.

A actividade levouse a cabo onte luns na Escola Infantil Municipal da Solaina, hoxe na da Gándara e mañá será o turno da de Piñeiros, nos tres casos ás 10.00 horas.